Encontro ibérico de tradutores de software libre a linguas minorizadas

From Proxecto Trasno
Revision as of 22:24, 8 October 2014 by Miguelbf (talk | contribs) (Resumo)

Descrición

Este encontro, pretendía acadar unha posta en común da problemática específica dos grupos de tradución do SL á linguas minorizadas e/ou en risco de desaparición; así como iniciar unha relación de colaboración e posta en común de recursos que axude a mellorar o rendemento e a calidade dos traballos.

Era a nosa intención que nos xuntaramos as persoas tradutoras dos equipos «oficiais» de tradución de Mozilla (Firefox, FirefoxOS, Thunderbird) LibreOffice e Apache Openoffice, Gnome, Mate, Kde, LXDE, Debian, MiniNo, Ubuntu, Mint, Fedora, ownCloud. OpenMediaVault, Android/Cianogenmod, etc. así como calquera outras persoas tradutoras de aplicativos libres, estean organizadas ou non.

A asistencia a estas xornadas foi libre, aberta e de balde. Podendo asistir calquera persoa interesada na tradución de software ou de produtos tecnolóxicos e informáticos, a calquera idioma, coa única condición de terse inscrito na páxina de inscricións.

As mesas sectoriais organizáronse por grupos de traballo, nos que participaron todas aquelas persoas que sendo integrantes, por asociación ou colaboración, dos grupos organizadores, tiñan interese no tema da mesa. aquelas persoas non integradas en grupos ou asociacións, asistiron como convidadas. A temática de cada mesa pode seguirse no apartado do programa.

Malia que non se falou da problemática doutros idiomas (como pode ser o español ou o portugués por non seren idiomas minorizados nin en risco de extinción) nos grupos de traballo participaron persoas tradutoras a eses idiomas, xa que a súa experiencia será sempre enriquecedora da nosa.

Logotipos oficiais

200px 200px 200px

Lugar e datas

Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

Rúa de Airas Nunes, s/n - 15703 Santiago de Compostela
Coordenadas GPS: W 8º 33' 16,35" | N 42º 51' 47,21"
Mapa de OpenStreetMaps

4 e 5 (sábado e domingo) de outubro de 2014

o día 4 comezouse a actividade ás 11:00h e rematouse ás 19:45h
o día 5 comezouse a actividade ás 10:00h e rematouse ás 14:00h

Programa

O día 8 de xullo, coincidindo coa publicación do web da actividade abriuse un ciclo de «call for papers» para que todos os interesados puideran enviar as súas propostas de mesas/grupos de traballo.

As propostas foron enviadas ao correo de contacto da organización, estas, segundo foron recibidas, foron compartidas entre os coordinadores dos grupos promotores desta actividade.

Este ciclo pechouse as 12:00h da noite do día 7 de setembro (domingo)

Táboa de horarios e actividades

Día
Hora
Actividade
Sala
sábado 11:00 a 11:30 Recepción aos asistentes Hall
11:30 a 12:00 Acto de inauguración a12
12.00 a 14:00 Xuntanzas por equipos de tradución a02, a16, a17
14:00 a 15:30 Xantar
15:30 a 17:30 Terminoloxía e lingüística a02
17:30 a 17:45 Descanso / café
17:45 a 19:45 Ferramentas TAC, l10n, axudas e recursos a02
domingo 10.00 a 11.45 Creación, uso e publicación de MT a02
11.45 a 12.00 Descanso / café
12.00 a 13.00 Tecido organizativo a02
13.00 a 14.00 Proposta de conclusións finais e clausura das xornadas a02

Acto inaugural

Contamos coa presencia do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, D. Valentín García Gómez.

Acto de clausura

Contamos coa presencia do Director do Consello da Cultura Galega, D. Manuel Gago Mariño.

Conclusións

Mesa Mozilla Firefox

Participan

  • 1 persoa por Softcatala
  • 1 persoa por Librezale
  • 2 persoas por Softastur
  • 1 persoa por Softaragonés
  • 4 persoas por Proxecto Trasno
  • 1 persoa do staff de Mozilla
  • 1 tradutora freelance
  • 1 persoa da comunidade galega de Software Libre

Resumo

Cada equipo falou do método de traballo que está empregando para traducir os produtos de Mozilla. No caso dos equipos vasco e galego, comentaron os diferentes métodos que levan empregado e o método que están usando, ou como no caso do equipo galego, que están tentando implantar. Durante as explicacións dos métodos de traballo fóronse comentando os principais problemas que atopa cada equipo no proceso de localización. Todos coinciden na dificultade que ten o proceso de localizar os produtos de Mozilla xa que se requiren habilidades técnicas para o proceso de extracción das cadeas e de envío ao proxecto de orixe. A maioría cre que estas dificultades impiden que haxa máis colaboradores, pero tamén se comentou que non é o único motivo de que haxa poucos colaboradores. Neste punto, o enxeñeiro de Mozilla, achegou a súa experiencia no tema e expuxo que normalmente os equipos que só fan localización non crecen.

Comprobouse que hai moitas formas de realizar a localización, xa que ningún dos equipos coincide no método que está a empregar, aínda que algúns teñen partes en común. Ponse de manifesto que non hai unha forma máxica ou ideal de traballar, esta depende da comunidade, dos membros que a forman, así pois, uns equipos traducen en liña, con ferramentas que lles serven outros axentes ou cunha infraestrutura montada por eles mesmos, outros traducen con ferramentas TAC en local e ata hai equipos que traducen directamente con editores de texto ou métodos similares, é dicir, sen axuda directa no proceso de localización (pero con axuda indirecta). Os equipos compartiron entre eles as ferramentas específicas que lles poden servir aos outros.

Discutiuse tamén sobre a conveniencia de traducir en local ou en liña, e falouse moito sobre o aplicativo web Pootle. Para algúns dos equipos ten moitas vantaxes aínda que non é perfecto, pero outros cren que non é a solución que precisan. O enxeñeiro de Mozilla expuxo que os equipos que se pasaron a Pootle non experimentaron ningún cambio a resaltar, nin para ben nin para mal. Pero engadiu, que os equipos que traducen en local, semella que son máis conscientes do proceso de localización, xa que este non remata coa tradución das cadeas, senón que implica unha parte de probas desa localización antes de darlle o visto e prace (sign-off). De aquí derivouse a un debate sobre a canle na que traduce cada equipo e o enxeñeiro de Mozilla comentou que el non recomenda traducir en Beta, explicou os motivos e tamén expuxo porqué recomenda traducir en Central comentando os motivos. Dos equipos representados na mesa, existían as tres opcións, os que traducen en Beta, en Aurora (a maioría) e en Central.

Mesa Debian GNU/Linux

Participan

Resumo

etc

Mesa LibreOffice / Apache Openoffice

Participan

  • 3 persoas do Grupo de Lingua Nativa Galega do proxecto LibreOffice
  • 1 persoa do proxecto OpenOffice
  • 1 persoa de Softcatalá
  • 2 persoas de Softastur
  • 1 persoa de Softaragonés
  • 1 persoa de Librezale

Resumo

Coa disolución do proxecto OpenOffice.org no 2011 e o xurdimento de dous proxectos fillos creouse un grave problema aos equipos de localización que se antes andaban escasos de recursos agora víronse abocados a escoller a cal dos dous proxectos dedicar os recursos persoais. Como a configuración de Apache Open Office fíxose moi serodiamente e tras moitos meses de inactividade mentres que o LibreOffice configurouse rapidamente a través da Document Foundation nun proxecto moi dinámico, cunha filosofía moito máis acorde cos principios do software libre (licenza GPL en LibO), todos os equipos de localización decantáronse por este último. É oficial a posición ao respecto de Softcatalà e Softastur. Tamén se constatou por parte de todos que a tradución de Apache Open Office vaise distanciando de LibreOffice, de modo que non é posible que a tradución (salvante a terminoloxía) se poida reutilizar. Supón un traballo a maiores. Isto deriva na decisión de abandono da tradución de Apache OpenOffice, salvante o caso galego en que se mantén tamén a tradución de AOO, mediante esforzo manual e tendo en conta que a prioridade era manter o paquete ofimático o máis coherente posible.

A marca «OpenOffice» que agora pertence á Fundación Apache segue mantendo un forte peso no coñecemento dos usuarios pero compénsase co feito de que nos sistemas operativos da familia GNU/Linux é LibreOffice a suite que se integrou e herdou a posición do antigo OpenOffice.org.

Logo afrontouse o problema da tradución da Axuda na que constatou o problema que existe en LibreOffice á hora de valorar a posibilidade de dispoñer deste importante recurso: LibreOffice herdou por unha parte a Axuda incluída no propio paquete, e que funciona en local, pero por outra banda está desenvolvendo unha Axuda no wiki oficial cos mesmos contidos. Outra vez xorde o problema de a que dedicar os poucos recursos. A tendencia actual é a de ir abandonando a Axuda en local para centrarse no traballo sobre o wiki.

Sobre este tema valorouse moi positivamente a idea do equipo galego de facer unha proba experimental: trataríase de montar un motor apertium con capacidade de procesar ficheiros .po e, unha vez alimentado coa terminoloxía do proxecto, ver se resultaría viábel unha tradución máquina con leve revisión humana.

Tocouse brevemente os proxectos de creación de correctores e de sinónimos, nos que se volveu poñer de relevo o seu enfoque dirixido a prover fundamentalmente a suite LibreOffice. En todos os equipos se está actualmente a pensar en desenvolver apoio de corrección lingüística da calidade gramatical e de estilo, é dicir, máis alá da ortografía que cobre o Hunspell. Comentouse brevemente a existencia, outra vez, de dúas ferramentas concorrentes (Language Tools -java- e LightProof -Python) pero ningún equipo ten decidido por que camiño tirar. En todo caso, o estado de desenvolvemento destas ferramentas é aínda moi escaso e faltan recursos para afrontalos.

No tocante á organización dos propios equipos de tradutores constátase unha notable diverxencia: mentres softcatalá e softastur optan pola centralización dos proxectos e dos tradutores, aínda que cada proxecto conta con «coordinadores» estables, o caso galego é diferente xa que opta pola independencia dos proxectos, de modo que os tradutores tentan integrarse profundamente no proxecto internacional. En xeral todos optamos por tomar como ferramenta de traballo o Pootle oficial aínda que no caso catalán tamén se traduce en local como OmegaT para cando se realizan traducións colectivas. Este enfoque diferente ten tamén consecuencias sobre a localización doutras partes do proxecto como son a páxina web de LibreOffice ou a creación de produtos de promoción no propio idioma. En xeral, ante a escaseza de recursos, os equipos non teñen como obxectivo prioritario avanzar máis que o imprescindible na creación destes recursos. De feito nos proxectos internacionais son persoas diferentes as que se encargan de cada aspecto e tamén son plataformas e entornos de traballo moi diferentes o que fai moi complexo atender a todas as frontes dos proxecto.

Con respecto á calidade lingüística da tradución, todos os equipos mostramos a nosa preocupación pola calidade. Softastur, ademais das dificultades comúns, ten que afrontar tamén a formación dos utilizadores do idioma, xa que ao non ter o status de lingua cooficial, a poboación non está alfabetizada na súa propia lingua. No caso de Librezale non existe este problema xa que aínda que os membros do equipo son de lugares distintos, todos teñen formación previa no éuscaro «batúa» (unificado). No caso de Softaragonés a dificultade é o escaso número de tradutores e o seu baixo nivel de alfabetización no idioma, polo que eles tomaron o camiño de traducir a partir da tradución previa en español e aplicar certa automatización co fin de poder acadar un nivel global aceptable de realización. Isto deriva na dificultade para crear e difundir un estándar de tradución de calidade. O problema sociolingüistico que máis nos afecta en xeral é a diglosia porque reduce o número de usuarios e tamén o de tradutores competentes.

Derivado do anterior tamén carecemos de ferramentas automatizadas de revisión da calidade polo que os distintos equipos depositamos unha certa esperanza no desenvolvemento de regras para Language Tools pero tómase a decisión de elaborar, dentro das guías de tradución unha serie de regras de calidade que teñan unha definición previa e independente da implementación nun software en concreto, dado que non se sabe como evolucionarán estas ferramentas. Quedaría por definir como podería ser ese sistema de descrición de regras:

pre-regras
      - adaptación para LT
      - adaptación para LP

Chégase ao acordo de que sería conveniente demandar a colaboración dos usuarios masivos (institucións e empresas de formación especialmente) para a elaboración de guías, glosarios e realizar control de calidade da tradución dispoñible.

Mesa Terminoloxía e lingüística

Participan

  • Todos os asistentes

Resumo

Comeza o obradoiro de terminoloxía da man de Pelayu Valduvieco de SoftAstur. Menciona que a característica da terminoloxía é buscar unha solución a palabras que aínda non existen nun idioma.

A continuación dase unha breve historia de SoftAstur e da súa relación coas institucións (Academia de la llingua asturiana e TermAst) e como eles participan activamente na creación de terminoloxía e como é aceptada de xeito case inmediato por ditas institucións, aínda que a veces xurden diferencias de criterio puntuais. En SoftAstur dispoñen dun software propio para xestionar a súa terminoloxía.

Despois, Joan Montané e Josep M. Closa, representantes de SoftCatalá explican como crean e xestionan eles a terminoloxía. TermCat está subordinado ao Institut de Estudis Catalans. A súa función é realizar propostas para introducir no dicionario. Os membros son filólogos. En SoftCatalá dedicouse un gran esforzo inicial a crear unha terminoloxía de referencia, esforzo que actúa como uns fortes alicerces que permitiron producir traducións de gran calidade ao longo de máis de 10 anos.

Despois do caso catalán, Antón Méixome inicia a exposición da comunidade galega. Comeza explicando que un factor clave é a escolla da normativa que se aplica á terminoloxía. Incluso cando houbo o cambio na normativa oficial iso tivo un gran impacto na terminoloxía. No tocante á creación de terminoloxía realízase nunha lista de correo onde os membros con dúbidas publican mensaxes, e despois da intervención non se delimita o concepto a tratar, e a discusión con razoamentos e probas se realiza unha votación para intentar escoller unha designación para o termo. A terminoloxía é común a todos os proxectos, aínda que en casos moi particulares se precisa unha diferenciación, que normalmente é debida a que en realidade hai conceptos diferentes. Tende a aceptarse como opción oficial toda a aquela que aparece no dicionario da RAG, a pesar de que a veces mostra grandes carencias no relativo á diferenciación de conceptos.

No relativo á discusión de terminoloxía incídese en que desde o Proxecto Trasno se intentan recoller estatísticas de uso real das diferentes opcións, así como se intentan buscar solucións en terminoloxía preexistente. Unha vez delimitado o concepto tamén se consultan os dicionarios do galego para atopar máis posibles solucións. Todo isto é un proceso laborioso pero necesario para crear unha terminoloxía de calidade que non sexa necesario alterar nun futuro. Coméntase a necesidade de que participen persoas con coñecementos heteroxéneos, xa que iso enriquece a discusión.

Tamén explica o estado actual do Termigal e como a súa inoperancia, debida á falta de recursos tanto materiais como humanos, nos obriga a actuar de facto como organismo de introdución de neoloxismos, a pesar de que alguén que coñece o campo de estudo sempre está máis preparado para discutir sobre esa terminoloxía. A pesar de promesas oficiais seguimos esperando (sen esperar) a que se poñan as baterías e realmente cumpran co seu cometido de asentar neoloxismos, tarefa na que nós lles poderiamos axudar en caso de abrirse a unha colaboración sen limitacións.

A continuación, Julen Ruiz Aizpuru membro de Librezale, comenta o seu caso. Non empregan terminoloxía sistemática senón que a crean cando a necesitan para un proxecto específico. Dispoñen dun glosario limitado que actúa de xeito non formal como terminoloxía común de referencia. Para resolver dúbidas terminolóxicas dispoñen do EuskalTerm. Tamén empregan a miúdo a base de datos terminolóxica de Microsoft. Como último recurso contan cunha rolda de correo onde resolver dúbidas.

Unha vez explicadas as particularidades de cada grupo ábrese unha discusión onde os asistentes dan a coñecer certos elementos que teñen en conta á hora de crear terminoloxía. Un deles é que as palabras funcionan en grupo e non illadamente (remove-delete, download-upload) e polo tanto é necesario pensar tamén na solución para eses termos próximos. Relacionado con isto tamén hai que ter en conta se un termo substantivo vai ter un termo verbo (ou adxectivo) asociado, de xeito que a escolla sexa máis harmónica e sexa máis perdurable.

Ademais incídese na idea de non traducir palabras senón conceptos á hora de crear terminoloxía, caso de path (variable de sistema, ruta de ficheiro, debuxo vectorial) o que tamén leva a discusión á idea de ámbito, onde unha palabra pode ter diferentes traducións dependendo de onde se empregue.

Como pequena curiosidade fálase do caso de que no grupo do galego se propoñen traducións estandarizadas para o que se coñece como frases arquetipo: Unable to X, Couldn't X, ...

Ademais ponse de relevo que certos idiomas (Catalán, Éuscaro) teñen problemas con traducións diferentes utilizadas noutro software como pode ser o de Microsoft ou Apple. Incluso en casos como o galego onde a tradución de software libre é claramente anterior en varios anos, o feito de que o software libre sexa menos coñecido inflúe na percepción de que a escolla «equivocada» é a do software libre. Tamén se fala da interface inconsistente ao instalar software libre sobre software privativo, como por exemplo LibreOffice en Microsoft Windows. Cabe destacar o caso do Asturiano onde non teñen este tipo de casuísticas, sexa para ben ou para mal aínda que certos termos non tiveron unha gran acollida por parte dos usuarios.

A continuación desde o Proxecto Trasno fálase da súa experiencia e fracasos na xestión de terminoloxía, e como isto os levou a varios intentos sucesivos por definir, refinar e implementar ferramentas de xestión terminolóxica que resultaron en Terminator. Dita ferramenta é capaz non só de xestionar propostas aceptadas, senón tamén aquelas rexeitadas e un monte de información secundaria relacionada (categoría gramatical, xénero, frase de exemplo) e tamén ligar de forma unívoca conceptos con discusións onde se poidan consultar todas as razóns a favor ou en contra. Dita plataforma tamén emprega agrupacións de conceptos como son os glosarios ou os ámbitos.

Solicítase axuda para rematar o Terminator, e que poida servir como referencia para o uso de terminoloxía por parte das diferentes comunidades de tradución de software libre, en diferentes idiomas. O resto dos participantes non vén a necesidade de tal ferramenta nos seus grupos.

Ao final, e xa entroncando co seguinte bloque, fanse demostracións de como empregar terminoloxía nos programas CAT OmegaT, Virtaal e Lokalize.

Mesa Ferramentas TAC, l10n, axudas e recursos

Participan

  • Todos os asistentes

Resumo

etc

Mesa Creación, uso e publicación de MT

Participan

  • Todos os asistentes

Resumo

etc

Mesa Tecido organizativo

Participan

  • Todos os asistentes

Resumo

etc

Conclusións finais

Participan

  • Todos os asistentes

Resumo

etc

Patrocinio

Esta actividade forma parte das actividades que Proxecto Trasno realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia. 300px

Difusión

Nos nosos medios

Nota: entendemos por «nosos» os pertencentes á comunidade do SL e afíns.

400px|Captura do web de softastur 1/08/2014

No Twitter empregouse a etiqueta (HT) #EITSL

Na prensa dixital e nos blogs

Previa a actividade

Nas mesmas datas, ou posteriores, da actividade

Prensa en papel

Elementos gráficos

Asistencia

Os asistentes tiñan que inscribirse na páxina de inscricións do web da actividade.

Total de inscritos

Pertencentes a Softaragonés 1
Pertencentes a Softastur 6
Pertencentes a Softcatalà 2
Pertencentes a Librezale 1
Pertencentes a Proxecto Trasno    13
Outras organizacións ou non organizados 14
Total 37

Nota: Tiñámonos proposto como ideal un mínimo de 30 inscricións, este fito acadámolo o día 18 de setembro ás 12:40 do mediodía.

Total de asistentes

Pertencentes a Softaragonés 1
Pertencentes a Softastur 4
Pertencentes a Softcatalà 2
Pertencentes a Librezale 1
Pertencentes a Proxecto Trasno    13
Outras organizacións ou non organizados 13
Total 34

Asemade, o sábado día 4 de outubro tiñamos a seguinte información no «evento» no G+

Asistirán    21    (dos que asistiron 17 persoas, 2 eran grupos)
Quizais 7    (ningún corresponde a inscrición)

Agradecementos

  • A Tegnix por financiar (adiantar os cartos) todo o preciso para a mellor fin desta actividade.
  • A AGASOL por colaborar na loxística e facerse cargo de gastos imprevistos.
  • Ao CNTG pola cesión dos espazos.
  • A Alberto Permuy de //Codery e á Comunidade O Zulo pola construción da web oficial da actividade.
  • Á OSL-CIXUG Polo agasallo gourmet a todos os asistentes.
  • A GALPon por facerse cargo dunha bolsa para que os trasnegos que tiñan que desprazarse a Santiago de Compostela, puideran pagar un cuarto de Hostal.
  • O logotipo e o traballo de arte foi desenvolvido por Andres Bott a partires dun bocexo previo de logotipo feito por Denís Cabrera.