Guía de estilo da tradución

From Proxecto Trasno

Guía de estilo[edit]

Aquí podes atopar as nosas recomendacións e consellos para facer as traducións. Inda que non é preceptivo, tenta seguilas o máximo que poidas porque senón pérdese coherencia entre as traducións, e iso só prexudica aos usuarios.

Diferenzas entre o inglés e o galego[edit]

Hai que ter moito ollo con algunhas expresións inglesas, xa que moitas veces as traducións literais non son aconsellables.

  • Coidado co abuso de pasivas directas. Unha frase como "file couldn't be opened" traduciríase literalmente como "o ficheiro non puido ser aberto", mais unha opción moito mellor é dicir "non se puido abrir o ficheiro" (ou tamén moi recomendable "non foi posible abri-lo ficheiro").
  • Evitar tamén o uso excesivo de posesivos, que se usan en inglés moitas veces no canto do artigo. Por exemplo, para traducir "Preparing your hard disk", non é necesario indica-la posesión, e abonda poñer "Preparando o disco duro".
  • A amabilidade é boa, pero non é tan necesaria como en inglés e os seus "please". Para traducir "Please enter your name", úsese "Introduza o seu nome". Só é recomendable traducilo cando é realmente un favor: por exemplo, ó pedirlle ó usuario que envíe un informe ós desenvolvedores cando atopa un erro nun programa.
Trato ordenador/usuario[edit]

No caso dos programas, procuramos despersonalizar ó ordenador, de xeito que teña o comportamento habitual dunha máquina. Isto se resume en:

  • O ordenador non fala en primeira persoa. Para traducir "Could not", usamos "Non se puido" no canto de "Non puiden".
  • Do mesmo xeito, unha máquina non xera relación de afectividade co usuario, polo que o trata de "vostede", en vez de "ti".

Hai que mirar isto con flexibilidade, e respectar a decisión do autor en inglés. Ás veces no orixinal úsase "I" en primeira persoa para o ordenador, e non paga a pena estar a face-la conversión ó traducir.

Para a tradución de documentación, pola contra, ó ser unha comunicación entre persoas (tradutor/escritor - usuario), déixaselle a cada un a elección do trato, aínda que recomendamos o uso de "ti".

Acentuación[edit]

Lembra que os tiles en galego son necesarios, e un texto que non os teña pode parecerlle pouco serio a moitos usuarios. Procura poñelos sempre, e non esquezas as seguintes regras conflitivas cando hai varias vogais seguidas:

  • Acentúanse as vogais i e u tónicas cando van antes ou despois doutra vogal átona coa que non forman un ditongo. P.ex: aínda, tía, egoísmo, baúl, túa, miúdo, ruído, distribuír
  • Non se acentúan as vogais i e u cando forman un ditongo coa vogal que lles antecede ou segue. P.ex: meiga, moito, auga, frecuente, colleu, xerais, partiu, azuis (neste caso, se a sílaba anterior é unha vogal átona, usarase a regra anterior, p.ex: saíu, contribuíu)
  • Das dúas regras anteriores, pon especial atención naquelas formas que causan xeralmente máis problemas: ruído, distribuír; colleu, partiu, xerais
Sobre a normativa[edit]

A maioría dos que colaboramos no proxecto somos informáticos, non lingüistas, e pensamos que non temos autoridade dabondo para opinar sobre a lingua, ou innovar sobre a normativa a empregar. É por iso polo que utilizamos a normativa oficial, que nos permite chegar á maior parte dos usuarios do galego, e que é a mellor solución en canto ó material de consulta dispoñible (dicionarios, normas ortográficas...). Polo tanto, tenta por favor evitar calquera discusión sobre o tema na lista de correo, xa que non vai levar a ningures.

Por outra banda, hai xente que segue a preferir utilizar outras normativas. Malia que algunhas desas traducións estean distribuídas nas versións oficiais, aquí recollémolas na sección de Outras Normativas. Nas seccións correspondentes poñemos unha adaptación á normativa oficial. As razóns son evitar unha mestura de diferentes normativas, e facilitar tarefas como a comprobación e revisión das traducións.

En canto ás variantes que permite a normativa oficial (ó/ao, dende/desde, segunda forma do artigo, etc...), obviamente non hai ningunha restrición, e cada un é libre de escoller o que queira. Limitámonos a transmitir a recomendación do ILG de utilizar a terminación -ble no canto de -bel, por ser aquela máis próxima á fala. Lembra de calquera xeito que debes tentar ser homoxéneo coa túa escolla ó longo da tradución.

Outras guías de estilo[edit]

Hai outras guías de estilo dispoñíbeis na rede. É interesante votarlles un ollo.

Outros textos lingüísticos de utilidade[edit]