Guía de estilo da tradución

From Proxecto Trasno
Revision as of 18:35, 25 December 2009 by Mgl.branco (talk | contribs)

Guía de estilo

Aquí podes atopar as nosas recomendacións e consellos para facer as traducións. Inda que non é preceptivo, tenta seguilas o máximo que poidas porque senón pérdese coherencia entre as traducións, e iso só prexudica aos usuarios.

Diferenzas entre o inglés e o galego

Hai que ter moito ollo con algunhas expresións inglesas, xa que moitas veces as traducións literais non son aconsellables.

   * Coidado co abuso de pasivas directas. Unha frase como "file couldn't be opened" traduciríase literalmente como "o ficheiro non puido ser aberto", mais unha opción moito mellor é dicir "non se puido abri-lo ficheiro" (ou tamén moi recomendable "non foi posible abri-lo ficheiro").
   * Evitar tamén o uso excesivo de posesivos, que se usan en inglés moitas veces no canto do artigo. Por exemplo, para traducir "Preparing your hard disk", non é necesario indica-la posesión, e abonda poñer "Preparando o disco duro".
   * A amabilidade é boa, pero non é tan necesaria como en inglés e os seus "please". Para traducir "Please enter your name", úsese "Introduza o seu nome". Só é recomendable traducilo cando é realmente un favor: por exemplo, ó pedirlle ó usuario que envíe un informe ós desenvolvedores cando atopa un erro nun programa. 
Trato ordenador/usuario

No caso dos programas, procuramos despersonalizar ó ordenador, de xeito que teña o comportamento habitual dunha máquina. Isto se resume en:

   * O ordenador non fala en primeira persoa. Para traducir 'Could not', usamos 'Non se puido' no canto de 'Non puiden'.
   * Do mesmo xeito, unha máquina non xera relación de afectividade co usuario, polo que o trata de 'vostede', en vez de 'ti'. 

Hai que mirar isto con flexibilidade, e respectar a decisión do autor en inglés. Ás veces no orixinal úsase 'I' en primeira persoa para o ordenador, e non paga a pena estar a face-la conversión ó traducir.

Para a tradución de documentación, pola contra, ó ser unha comunicación entre persoas (tradutor/escritor - usuario), déixaselle a cada un a elección do trato, aínda que recomendamos o uso de 'ti'.

Acentuación

Lembra que os tiles en galego son necesarios, e un texto que non os teña pode parecerlle pouco serio a moitos usuarios. Procura poñelos sempre, e non esquezas as seguintes regras conflitivas cando hai varias vogais seguidas:

   * Acentúanse as vogais i e u tónicas cando van antes ou despois doutra vogal átona coa que non forman un ditongo. P.ex: aínda, tía, egoísmo, baúl, túa, miúdo, ruído, distribuír
   * Non se acentúan as vogais i e u cando forman un ditongo coa vogal que lles antecede ou segue. P.ex: meiga, moito, auga, frecuente, colleu, xerais, partiu, azuis (neste caso, se a sílaba anterior é unha vogal átona, usarase a regra anterior, p.ex: saíu, contribuíu)
   * Das dúas regras anteriores, pon especial atención naquelas formas que causan xeralmente máis problemas: ruído, distribuír; colleu, partiu, xerais 
Sobre a normativa

A maioría dos que colaboramos no proxecto somos informáticos, non lingüistas, e pensamos que non temos autoridade dabondo para opinar sobre a lingua, ou innovar sobre a normativa a empregar. É por iso polo que utilizamos a oficial, que nos permite chegar á maior parte dos usuarios do galego, e que é a mellor solución en canto ó material de consulta dispoñible (dicionarios, normas ortográficas...). Polo tanto, tenta por favor evitar calquera discusión sobre o tema na lista de correo, xa que non vai levar a ningures.

Por outra banda, hai xente que segue a preferir utilizar outras normativas. Malia que algunhas desas traducións estean distribuídas nas versións oficiais, aquí recollémolas na sección de Outras Normativas. Nas seccións correspondentes poñemos unha adaptación á normativa oficial. As razóns son evitar unha mestura de diferentes normativas, e facilitar tarefas como a comprobación e revisión das traducións.

En canto ás variantes que permite a normativa oficial (ó/ao, dende/desde, segunda forma do artigo, etc...), obviamente non hai ningunha restrición, e cada un é libre de escoller o que queira. Limitámonos a transmitir a recomendación do ILG de utilizar a terminación -ble no canto de -bel, por ser aquela máis próxima á fala. Lembra de calquera xeito que debes tentar ser homoxéneo coa túa escolla ó longo da tradución.

Outras guías de estilo

Hai outras guías de estilo disponíbeis na rede. É interesante votarlles un ollo.

 * Template:Trasno:gl guiaestilo - oficina de software libre osl .pdf, elaborada por Iván Méndez López.
 * Template:Trasno:guia de estilo para a localizacion de software.pdf, que serve de modelo á de mancomún.
 * Algúns tradutores dispoñen das súas proprias guías, que serven de referencia para as mellora da calidade das súas traducións. Pregunte na lista de correo para obter as últimas versións.
Outros textos lingüísticos de utilidade
 * [http://www.udc.es/snl/documentospdf/maiusculas_udc.pdf%7C Criterios de utilización de maiúsculas e minúsculas, polo SNL da UDC.