Guía de estilo da tradución
Contents
Guía de estilo
Aquí podes atopar as nosas recomendacións e consellos para facer as traducións. Inda que non é preceptivo, tenta seguilas o máximo que poidas porque senón pérdese coherencia entre as traducións, e iso só prexudica aos usuarios.
Diferenzas entre o inglés e o galego
Hai que ter moito ollo con algunhas expresións inglesas, xa que moitas veces as traducións literais non son aconsellables.
- Coidado co abuso de pasivas directas. Unha frase como "file couldn't be opened" traduciríase literalmente como "o ficheiro non puido ser aberto", mais unha opción moito mellor é dicir "non se puido abrir o ficheiro" (ou tamén moi recomendable "non foi posible abri-lo ficheiro").
- Evitar tamén o uso excesivo de posesivos, que se usan en inglés moitas veces no canto do artigo. Por exemplo, para traducir "Preparing your hard disk", non é necesario indica-la posesión, e abonda poñer "Preparando o disco duro".
- A amabilidade é boa, pero non é tan necesaria como en inglés e os seus "please". Para traducir "Please enter your name", úsese "Introduza o seu nome". Só é recomendable traducilo cando é realmente un favor: por exemplo, ó pedirlle ó usuario que envíe un informe ós desenvolvedores cando atopa un erro nun programa.
Trato ordenador/usuario
No caso dos programas, procuramos despersonalizar ó ordenador, de xeito que teña o comportamento habitual dunha máquina. Isto se resume en:
- O ordenador non fala en primeira persoa. Para traducir 'Could not', usamos 'Non se puido' no canto de 'Non puiden'.
- Do mesmo xeito, unha máquina non xera relación de afectividade co usuario, polo que o trata de 'vostede', en vez de 'ti'.
Hai que mirar isto con flexibilidade, e respectar a decisión do autor en inglés. Ás veces no orixinal úsase 'I' en primeira persoa para o ordenador, e non paga a pena estar a face-la conversión ó traducir.
Para a tradución de documentación, pola contra, ó ser unha comunicación entre persoas (tradutor/escritor - usuario), déixaselle a cada un a elección do trato, aínda que recomendamos o uso de 'ti'.
Acentuación
Lembra que os tiles en galego son necesarios, e un texto que non os teña pode parecerlle pouco serio a moitos usuarios. Procura poñelos sempre, e non esquezas as seguintes regras conflitivas cando hai varias vogais seguidas:
- Acentúanse as vogais i e u tónicas cando van antes ou despois doutra vogal átona coa que non forman un ditongo. P.ex: aínda, tía, egoísmo, baúl, túa, miúdo, ruído, distribuír
- Non se acentúan as vogais i e u cando forman un ditongo coa vogal que lles antecede ou segue. P.ex: meiga, moito, auga, frecuente, colleu, xerais, partiu, azuis (neste caso, se a sílaba anterior é unha vogal átona, usarase a regra anterior, p.ex: saíu, contribuíu)
- Das dúas regras anteriores, pon especial atención naquelas formas que causan xeralmente máis problemas: ruído, distribuír; colleu, partiu, xerais
Sobre a normativa
A maioría dos que colaboramos no proxecto somos informáticos, non lingüistas, e pensamos que non temos autoridade dabondo para opinar sobre a lingua, ou innovar sobre a normativa a empregar. É por iso polo que utilizamos a oficial, que nos permite chegar á maior parte dos usuarios do galego, e que é a mellor solución en canto ó material de consulta dispoñible (dicionarios, normas ortográficas...). Polo tanto, tenta por favor evitar calquera discusión sobre o tema na lista de correo, xa que non vai levar a ningures.
Por outra banda, hai xente que segue a preferir utilizar outras normativas. Malia que algunhas desas traducións estean distribuídas nas versións oficiais, aquí recollémolas na sección de Outras Normativas. Nas seccións correspondentes poñemos unha adaptación á normativa oficial. As razóns son evitar unha mestura de diferentes normativas, e facilitar tarefas como a comprobación e revisión das traducións.
En canto ás variantes que permite a normativa oficial (ó/ao, dende/desde, segunda forma do artigo, etc...), obviamente non hai ningunha restrición, e cada un é libre de escoller o que queira. Limitámonos a transmitir a recomendación do ILG de utilizar a terminación -ble no canto de -bel, por ser aquela máis próxima á fala. Lembra de calquera xeito que debes tentar ser homoxéneo coa túa escolla ó longo da tradución.
Outras guías de estilo
Hai outras guías de estilo dispoñíbeis na rede. É interesante votarlles un ollo.
- Template:Trasno:gl guiaestilo - oficina de software libre osl .pdf, elaborada por Iván Méndez López.
- Template:Trasno:guia de estilo para a localizacion de software.pdf, que serve de modelo á de mancomún.
- Algúns tradutores dispoñen das súas propias guías, que serven de referencia para as mellora da calidade das súas traducións. Pregunte na lista de correo para obter as últimas versións.